A capacidade de observación e o talento dedutivo de Sherlock Holmes relocen nestes dous relatos subxugantes. En O misterio dos bailaríns, o famoso detective resolve un intrigante asasinato grazas ao enxeñoso desciframento dun criptograma, mentres que en Penca de Prata Holmes ten que empregar toda a súa perspicacia para desbotar as probas que acusan o presunto culpable e identificar o verdadeiro asasino.
Somos o que lemos
Caderno do Departamento de lingua galega e literatura do IES LEIRAS PULPEIRO de Lugo. Ventá aberta para promover e comentar lecturas voluntarias.
8 nov 2021
12 feb 2021
A novela de Ferrín é un relato en primeira persoa protagonista onde a moza Rotbaf Luden relata a experiencia da súa viaxe a Tagen Ata desde a colonia de emigrados de Anatí para tratar de loitar pola liberación da patria de orixe. Posiblemente unha Rotbaf Luden adulta lembra ese momento fundamental da súa vida. Ademais Ferrín sabe crear un espazo mítico, Tagen Ata (como fixeron Faulkner, Rulfo, Swifft, Otero Pedrayo ou mesmo Rosalía). Tagen Ata lembra Galicia, mais non ten por que ser Galicia. É unha creación literaria, que ten elementos de Galicia, pero é así mesmo un espazo fantástico. Un dos encantos desta obra é precisamente a capacidade que ten Ferrín para crear espazos fantásticos, pois fronte a Tagen Ata levántanse tamén Anatí e Terra Ancha.
19 ene 2021
Dragal I
A herdanza do dragón
Elena Gallego Abad (Autora)
Premio Frei Martín Sarmiento
Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego?Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.Elena Gallego Abad debuta na narrativa galega cunha primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se inicia, ademais, unha futura triloxía baixo o título de "Dragal", o dragón galego.
Un animal chamado néboa
Ledicia Costas (Autora)
XXXI Premio Losada Diéguez (Creación Literaria), 2016
A capacidade de resistencia á dor física ou psicolóxica non se pode medir. Tampouco o grao de maldade que pode chegar a concibir o ser humano. É en situacións límite cando as persoas sacan a relucir comportamentos insólitos, para ben e para mal. No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir.Un animal chamado néboa é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque USS Indianapolis, os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do Enola Gay forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro. Escrita de xeito directo e descarnado pero sen perder nunca de vista o contexto histórico, esta obra é un retrato desolador e emocional do comportamento das persoas en circunstancias extremas. Un pulso crítico á condición humana.