Xoel
é un mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá,
nunha comuna na aldea de Foxo, preto do encoro de Salime. Farto da vida
que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida
de Xoel muda o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer,
chega dende Berlín para reatoparse coa filla. Entre a equipaxe, trae
unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello
cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine
alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días
Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas
de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando
se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá
unha historia de amor enfrontado. Iria, defende o dereito dos antigos
propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais
representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con
ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de
escenas nazis.