Cando Enderezo descoñecido se publicou por primeira vez en 1938 causou
gran sensación pola crueza coa que expoñía diante da opinión pública
norteamericana o veleno do nazismo dende os seus inicios. Axiña obtivo
vendas espectaculares e foi editada en Inglaterra e traducida a outras
linguas, sendo considerada como unha obra perfecta. En 1939, a
traducción holandesa desapareceu das librerías e, coincidindo coa
ocupación nazi, a única presencia da novela en Europa foi na lista de
libros prohibidos do Reichskommisar. A historia permaneceu descoñecida
no continente durante sesenta anos máis, malia o impacto e o gran éxito
que acadara nos Estados Unidos e Inglaterra. Trala súa reedición en
1995, para conmemorar o cincuenta aniversario da liberación dos campos
de concentración, chegou ás mans de Henri Dougier, o editor francés da
revista Autrement, quen decidiu publicala convencido da súa importancia
para as víctimas do nazismo e para toda a comunidade europea. A partir
de entón, a novela foi traducida ao italiano, hebreo, alemán, grego,
noruegués, sueco, danés, portugués, español e catalán. Agora, Xerais
ofrécea en edición galega, traducida por Emma Lázare Rodríguez.Escrita
en forma epistolar pola norteamericana Kressman Taylor, Enderezo
descoñecido conta a sorprendente historia de dous amigos e socios
propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu
estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en
1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. Esta obra, breve e
intensa, representa un dos máis estarrecedores alegatos contra o
nazismo, cuxo rostro perverso se nos fai patente ao longo da
correspondencia entre os dous personaxes. Aclamada pola crítica de todo o
mundo, foi considerada polo The New York Times Book Review como “a
denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura
de ficción. É a perfección mesma”.