Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete
Nesta primeira obra Castelao preséntanos as memorias escritas por un
esquelete nun cemiterio de cidade e que o enterrador lle entrega a el. Desde o
propio prólogo, o autor sitúanos perante unha obra de humor macabro:
Iste enterrador tense por
home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que
arrepían.
Mais o humor non é un fin en si mesmo, senón unha forma de analizar
criticamente a realidade. O narrador das memorias tivera en vida un ollo de
vidro, o cal lle permite ver na súa existencia de ultratumba. Así, vainos
presentando pequenos cadros con personaxes que levan consigo á cova a súa
ideoloxía, a súa forma de vivir, etc. Encontramos entre estes personaxes unha
ridícula namorada que morreu de amor, un zapateiro que morreu de saudade por
non poder cantar nun orfeón, uns políticos centralistas que se negan a falar en
galego, un fracasado na emigración, un inglés que pensa que todo se arranxa con
diñeiro... e, como remate, un vampiro que todas as noites se levantaba para
chupar sangue aos vivos e que “Era..., ¡era un cacique!”
