Publicada en 1955, esta é a novela coa que Cunqueiro comezou a súa obra
narrativa logo de escribir varios libros de poemas. A historia dun
Merlín xa vello e refuxiado nas terras da Miranda luguesa chega ao
lector a través do relato dunha testemuña directa, o paxe Felipe de
Amancia, que lembra os tempos nos que traballou como criado do mago. A
historia desenvólvese cunha permanente tensión entre o marabilloso e o
cotián; pola casa de Merlín pasan numerosos e curiosos personaxes na
procura de consello, mais tamén se narran as aventuras de Felipe cando
vai facer os encargos do seu amo. Un universo único na literatura xorde
nas fascinantes e engaioladoras historias que conta esta novela, que
desde o momento da súa publicación supuxo un fito no tocante á
renovación da narrativa galega. En Cunqueiro, a arte do narrador,
adobiada dun fino sesgo humorístico, sorprende pola capacidade para
facer convivir o mito co mundo cotián.