O fidalgo e outros relatos non
forman unha unidade desde o punto de vista editorial. En efecto, o volume é
unha escolma de oito mostras da narrativa breve de Otero Pedrayo, separadas no
tempo por un longo período de vinte e cinco anos. Os catro primeiros (“O
fidalgo”, “A criada”, “Dona Xohana e don Guindo” e “Medicina legal”) viron a
luz no ano 1932 (Contos do camiño e da rúa, Santiago de Compostela,
Nós).
Os catro restantes (“A revolta de
Casdenón”, “Co luar escornado do San Martiño”, “O estraperlista dos coiros” e
“O torques") proceden dunha obra publicada en 1957 que recollía un
conxunto de vinte narracións breves que Otero escribiu en datas imprecisa.
Porén, a súa edición formando parte dun mesmo volume é pertinente e oportuna xa
que pertencen ao mesmo ciclo narrativo de Otero: unha narrativa realista na que
non soamente imos atopar a épica de tema fidalgo, senón tamén unha cosmovisión
do mundo galego, unha verdadeira antropoloxía galega.