7 may. 2014

O fidalgo e outros relatos non forman unha unidade desde o punto de vista editorial. En efecto, o volume é unha escolma de oito mostras da narrativa breve de Otero Pedrayo, separadas no tempo por un longo período de vinte e cinco anos. Os catro primeiros (“O fidalgo”, “A criada”, “Dona Xohana e don Guindo” e “Medicina legal”) viron a luz no ano 1932 (Contos do camiño e da rúa, Santiago de Compostela, Nós).

Os catro restantes (“A revolta de Casdenón”, “Co luar escornado do San Martiño”, “O estraperlista dos coiros” e “O torques") proceden dunha obra publicada en 1957 que recollía un conxunto de vinte narracións breves que Otero escribiu en datas imprecisa. Porén, a súa edición formando parte dun mesmo volume é pertinente e oportuna xa que pertencen ao mesmo ciclo narrativo de Otero: unha narrativa realista na que non soamente imos atopar a épica de tema fidalgo, senón tamén unha cosmovisión do mundo galego, unha verdadeira antropoloxía galega.

3 comentarios:

  1. Algo que sen dúbida destacaría desta obra é a mestría de Otero Pedrayo para describir o ambiente rural da época na cal se desenvolve a historia. Toda a vida deste fidalgo, exceptuando o final, xirou entorno ao mundo rural, o gando, o campo, tec. Así vemos recreadas numerosas tarefas tradicionais, coñecendo en todo momento os ambientes que se crean ao longo desta historia.
    En definitiva, é un libro que me gustou, principalmente debido a que se conta detalladamente a vida e decadencia e vida dun fidalgo rural cunha brevidade inusitada para tal período de tempo.

    ResponderEliminar
  2. Laura López López15/5/14 21:32

    "O Fidalgo" é un relato do volume "Contos do camiño e da rúa" publicado en 1932 en Santiago, pola editorial Nós. Foi escrito por Otero Pedrayo. A súa obra é narrativa e unha parte dela trata da alteración dos modos tradicionais de vida, como é o caso deste relato, que fala da decadencia da fidalguía.
    Relátase a vida do fidalgo don Xohán, dende a súa nenez, acompañado do seu pai, ata o seu suicidio, ao comezar o novo século. Non se sabe a que familia fidalga pertence don Xohán, o que fai que este personaxe se convirta nun símbolo da súa clase social. Nel represéntase a decandencia da mesma xa que o fidalgo remata a súa vida sendo funcionario despois de ver como a súa fortuna pasa a mans daqueles nos que confiaba para dirixila.
    O relato está narrado en episodios que transcorren de dez en dez anos. A linguaxe foi revisada e normativizada por Antón Palacios na edición da editorial Galaxia, facendo así máis doada a súa comprensión.
    É un relato fermoso, orixinal e moi ameno. Moi recomendable.

    ResponderEliminar
  3. Eugenia López7/11/16 17:14

    O tema deste relato é o derrumbamento da fidalguía. Neste caso ponnos o exemplo de Don Xohán, que ao morrer seu pai, herda unha gran fortuna que pouco a pouco vai perdendo e decaendo. Hai un gran contraste entre o inicio da narración e o final, xa que ao inicio vemos un mozo que leva unha vida ben acomodada, na que viaxa dun pazo a outro, e ao final vemos a un home totalmente arruinado.
    Persoalmente pareceume un relato moi ben elaborado e entretido. Os personaxes caracterizan perfectamente a etapa que o autor quere representar. Ademais paréceme moi curiosa a forma de estruturar o relato.

    ResponderEliminar