8 may. 2017

As voces baixas

Esta obra é unha construción de humor e dor. Unha novela da vida para chorar e rir. Quen son as voces baixas? Son as criaturas, os nenos e nenas, as mulleres que falan soas, os mortos, os animais... É a ironía a que sostén as palabras, a que terma das «voces baixas» para que non se afundan, para que resistan e mesmo procuren unha segunda vida á marxe das relacións de dominio e poder, nun entroido existencial. En As voces baixas o eu anda á procura do nós. É un libro no que se entrelazan a memoria persoal e a colectiva. Dende o primeiro medo, o que lle provocan uns cabezudos que resultan ser figuras dos Reis Católicos, o narrador asiste á descuberta da vida por mor da existencia extraordinaria da xente do común. O barrio de Monte Alto, a aldea urbana de Castro de Elviña, o lugar de Corpo Santo, coa luz do faro de Breogán, a prisión provincial, o cemiterio de Santo Amaro, o poboado céltico, o Monte Xalo onde as nenas pastoras pisan o sol, a escaleira onde os nenos clandestinos escoitan os murmurios da imaxinación... Unha xeografía real para un pobo marabilloso: as «voces baixas» que non queren dominar e que se alimentan de contos.

Descargas

O club da calceta

Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina

12 feb. 2017

Contos de POE

Edgar Allan Poe (Boston, 1809-Baltimore, 1849) foi escritor, poeta, crítico e xornalista. É un dos mestres do relato breve, un autor fundamental na renovación da novela gótica, e recordado especialmente polos seus contos de terror.Galaxia ten publicado na colección Clásicos Universais os seus Contos completos en 3 volumes.

5 dic. 2016

Escarlatina, a cociñeira defunta

Escarlatina, a cociñeira defunta

INFANTIL E XUVENIL>MERLÍN>De 11 anos en diante
8ª edición - Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 - Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2014 -Premio Fervenzas Literarias á Mellor Portada de LIX 2014 - Premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014 - Premio Nacional de Literatura Infantil, 2015 - Lista de Honra do IBBY, 2016
Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

Descargas

2 dic. 2016

Oa escuros soños do Clio


Doce relatos imaxinativos nos que Casares xoga coa historia


Este libro de relatos, o segundo no xénero na obra de Carlos Casares, publicouse por primeira vez en 1979. Desde entón, alcanzou varias edicións. Foi Premio da Crítica en 1980 e mereceu os honores da tradución ao ruso e ao castelán. En xeral, os críticos considérano un dos mellores libros do seu autor. Son, segundo Gonzalo Torrente Ballester, "bromas gastadas á Historia con enxeño xoguetón e perspicaz, cunha graza de fondas raíces que, se unha se enrosca no corazón a outra se crava na intelixencia, e dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura". En doce relatos, baseados todos eles en referencias bibliográficas nas que se mesturan a fantasía coa realidade, Carlos Casares faille guiños cómplices a Clío, a musa da Historia, cunha clara intención paródica. Estes contos introduciron na literatura galega un xeito distinto de tratar cousas como a historia, enxergada aquí como o resultado dos soños traxicómicos e malhumorados dunha musa imprevisible e algo excéntrica.