2 dic. 2016

Oa escuros soños do Clio


Doce relatos imaxinativos nos que Casares xoga coa historia


Este libro de relatos, o segundo no xénero na obra de Carlos Casares, publicouse por primeira vez en 1979. Desde entón, alcanzou varias edicións. Foi Premio da Crítica en 1980 e mereceu os honores da tradución ao ruso e ao castelán. En xeral, os críticos considérano un dos mellores libros do seu autor. Son, segundo Gonzalo Torrente Ballester, "bromas gastadas á Historia con enxeño xoguetón e perspicaz, cunha graza de fondas raíces que, se unha se enrosca no corazón a outra se crava na intelixencia, e dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura". En doce relatos, baseados todos eles en referencias bibliográficas nas que se mesturan a fantasía coa realidade, Carlos Casares faille guiños cómplices a Clío, a musa da Historia, cunha clara intención paródica. Estes contos introduciron na literatura galega un xeito distinto de tratar cousas como a historia, enxergada aquí como o resultado dos soños traxicómicos e malhumorados dunha musa imprevisible e algo excéntrica.

1 comentario:

  1. Cito deste libro os relatos que mellor comprendín e máis gocei: "Dous normandos", pola presenza de elementos fantásticos e sobrenaturais; "O Alquimista caaveiro", polo ton cómico que presenta; "Avisador e avisado" pola tenrura e amizade entre ambos personaxes; "De cando executaron a Porlier", pola piedade que o protagonista lle mostra ao crego; e, por último, "O republicano de Francelos", polo ton irónico nalgunhas partes da narración.

    Os outros gustaronme menos, ou ben porque non comprendín totalmente o seu final, ou ben porque eran tristes (como "O xudeu Xacobe", que me deixou mal corpo pola empatía co sufrimento do home).

    Recoméndoo a xente a que lle guste moito a historia e a literatura.

    ResponderEliminar