15 abr 2015



Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino (o das Memorias dun neno labrego), o que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador.

Mais Lelo se vai cos pais para o Brasil. E os dous amigos cartéanse. Balbino comeza a contarlle todo ao seu compañeiro de aventuras que está lonxe, máis alá do mar. Un día vai á súa aldea e fala desta correspondencia. E outro rapaz, Toño, comeza tamén a escribirlle a Lelo. E Lelo contéstalle dende o Brasil. Estas son, pois, as cartas de Toño nas que algunha vez alude ao contido das que recibe do seu amigo.

7 comentarios:

  1. Lucía Pasarín López 1ºBAC A12/6/15, 12:01

    Coma no caso das "Memorias", o libro e toda a realidade que reflicte das vivencias dun "neno labrego", neste caso nas de Toño, encantáronme de principio a fin. É unha narración sinxela, quizais cun vocabulario un tanto complicado pois non adoito escoitalo moito, o que me levou a ter que procurar algunhas destas verbas no dicionario. O cambio de perspectiva en canto á narración paréceme algo moi interesante, á par de diferente. Recomendo esta lectura non sen antes ler a "primeira parte", pois quen non le as Memorias está perdendo unha fermosa lectura, ao igual que estoutro libro.

    ResponderEliminar
  2. Laura Quintero 1ºBAC A12/6/15, 12:01

    Foi un libro moi interesante por como Neira Vilas pretende deixar unha testemuña de como era a vida no campo e a vida nas aldeas durante a súa infancia. Tamén narra unha situación moi abundante durante o século XX: a emigración. Como as persoas, por falta de recursos e escapando da miseria e dos poucos recursos de Galiza, deciden liscar para América latina a maioría. Tamén pódese ver a diferenza en canto ao desenvolvemento de Brasil en comparación có de Galiza.

    Por outra parte, outra cousa que me gustou moito, foi ver como os nenos nesa época, ao non ter cousas que facer, inventaban e facían trastadas ou decidían buscar aos responsables dun roubo de cebolas para poder pasar o tempo.

    ResponderEliminar
  3. Antia Ceide 1ºBAC A12/6/15, 12:04

    Na miña opinión este libro representa unha historia universal, non hai máis que ver certas películas, novelas, etc ambientadas noutros países de sociedades rurais onde se repiten os esquemas e as personaxes: a familia campesiña, a emigración, o clasismo... Que mesmo se poden dar na sociedade actual aínda que lle cambiemos o contexto e as personaxes.
    Algunhas persoas riscan á literatura galega como moi rural, pero non hai máis que denotar a falta de interese de quen emite a opinión, ou como se di "falar non ten cancelas", e aínda que iso fose así, eu pregúntome que sociedade non foi rural? Ou que ten de malo a sociedade rural? De todas as situacións se poden sacar experiencias positivas. Non pretendo dicir que aqueles anos foran mellores que os actuais, senón que da literatura "rural" tamén se poden aprender moitas cousas.

    ResponderEliminar
  4. Maria Camila Beltrán Guzmán 1ºBAC B14/3/16, 21:38

    "Cartas a Lelo" pódese considerar como unha continuación de "Memorias dun neno labrego", no que o autor, para non repetirse en canto a protagonista e feitos, presenta a Toño, un neno máis da aldea cunha chea de historias nas que mostra como é situación na que viven.
    Nun principio a historia é algo tediosa, por unha banda porque o vocabulario é amplo, variado e difícil de entender, polo que quen teña un léxico moi estreito en lingua galega, ten que acompañar a lectura cun dicionario.
    Por outra banda, as primeriras historias de Toño e a relación do neno con Lelo son algo confusas, xa que a explicación do autor é que ao neno lle apetecía escribirlle e por iso fíxoo, non mostra maior interese ou unha relación de amizade nun principio entre ambos.
    Outra cousa que fai a lectura aburrida, é o feito de que só fala Toño, deixando coa intriga do que pensa, sente ou conta Lelo nas súas cartas, só podemos saber por parte de Toño cousas moi breves e concretas do que vive en Brasil. Aínda que se ve que o autor o fixo para manter ese interese so pola vida de Toño na aldea galega, na miña opinión quedaría máis completa a historia se soubésemos máis de Lelo.
    Pero non todo no libro é malo. As aventuras de Toño son refrescantes e moi entretidas. A amizade entre os nenos da aldea é admirable.
    Os personaxes teñen tamén un gran desenvolvemento, sobretodo personaxes como Tamboril ou o pai de Toño, que aínda que é mencionado poucas veces, polo que di o neno, é unha persoa comprensiva que tenta educalo da mellor maneira.
    Sen dúbida o máis interesante son as súas travesuras, sempre acompañadas de Tamboril pola aldea, e a súa forma de ver a vida, tan sinxela, obxectiva, leal e xenerosa.
    Persoalmente foi un libro que gocei moito unha vez que me afixe ao vocabulario que descoñecía e á forma que ten o autor de contar a historia. Recomendo moito a súa lectura, porque considero que Neira Vilas foi un gran escritor da realidade social nas aldeas galegas hai anos.

    ResponderEliminar
  5. Isabel Rifón, 1 Bac A14/6/16, 10:42

    O libro, en xeral, gustoume moito. Eu doulle un sete porque gustaríame que tivese algunha carta de Lelo na que contase algunha aventura en primeira persoa.

    ResponderEliminar
  6. Cando escoitei que había unha continuación do libro "Memorias dun neno labrego" alegreime moito. Xa que nese libro nos conta como era a vida dun neno labrego, esperaba que neste nos contase como era a vida dun inmigrante.
    "Cartas a Lelo" segue a tratar o mesmo tema cao libro anterior: a vida na aldea, as súas historias, a súa xente...
    A única novidade destacable é a nova forma de narración con cartas entre Lelo, no Brasil e Toño, na aldea.
    Boto de menos algunha carta de Lelo que nos ensine como é a vida dun emigrante, a soidade, a morriña...
    Con respecto á nova forma de narrar, paréceme un tanto complexa, pero as novas xeracións podemos aprender o difícil que era manter o contacto con alguén de lonxe.
    Con todo isto podo dicir que me decepcionou, non porque o libro fose moi malo, senón que tiña as expectativas moi altas.

    ResponderEliminar
  7. Ainara Corredoira 1º BAC B19/1/17, 21:32

    “Cartas a Lelo” é a continuación da anterior obra do autor Xosé Neira Vilas: “Memorias dun neno labrego”, acerca dun neno, Balbino, nado nunha familia humilde do rural galego, aoredor dos anos 1930 e 1940 e que vai escribindo no seu caderno todo o que lle acontece.

    Neste libro, quen escribe agora non é Balbino, senón Toño “O Peilao”, un amigo do anterior. Trátase pois, dunha compilación de cartas que este lle envía á súa vez a Lelo, un rapaz da aldea que marchara emigrado ao Brasil. As cartas, son unha clara referencia á antiga profesión do autor, pois na súa adolescencia foi carteiro.

    Nas cartas, Toño diríxese a Lelo para informalo de como segue sendo o día a día pola aldea e para contarlle as múltiples aventuras que vive cos seus amigos Bolecho, Marxado e Tamboril, á vez que Lelo lle conta como é a súa vida en América e como é o lugar, malia que iso témolo que imaxinar, pois non aparece na novela.

    Para min, é un libro moi ameno e divertido que nos permitere flexionar sobre os costumes tradicionais galegos e sobre como a adolescencia dos nosos avós foi tan diferente a como pode ser a nosa hoxe en día.

    ResponderEliminar