25 feb 2014



A fiestra baldeira (1927). Obra de teatro de Rafael Dieste que, segundo as súas propias palabras, pretendía ser unha alegoría sobre a identidade galega. A obra desenvólvese nun ambiente mariñeiro: Don Miguel Somoza, un antigo pescador enriquecido na emigración brasileira, encarga a un pintor que lle faga un retrato que teña como fondo unha ventá. O pintor esboza no oco da fiestra unha paisaxe mariñeira con barcos faenando, como símbolo do pasado humilde do retratado. Pero a muller e a filla do mariñeiro opóñense a es imaxe porque non concorda coa súa nova condición (e sobre todo lémbralles o seu pasado humilde).  Os mariñeiros da vila, amigos da infancia de Don Miguel, cando saben que este decide rectificar o cadro, irrompen na súa casa e, tras cortar o lenzo, arrebátanlle a ventá desde a que se ve o mar. .Entón aparece a “fiestra baldeira” como símbolo da nada e da anulación da identidade individual e colectiva. A vida de Don Miguel múrchase entón, e só volve outra vez a alegría unha vez que a súa familia accede a manter o cadro na súa forma orixinal e recupera os seu amigos e o anaco de lenzo roubado. 

10 comentarios:

  1. Clara Coira25/2/14, 11:07

    Este libro pareceume moi interesante e gustaríame ver a obra representada. O tema principal é a identidade personal, o problema que crea en Don Miguel o ter que decidir se aceptar o seu pasado mariñeiro ou arrepentirse del. O libro tamén fala da vergoña dun pasado máis humilde, que sofren a muller a filla do protagonista. O que máis me gustou do libro foi a forma en que un obxecto simple como é un cadro, pode ser o centro de acción, a través do que se desenvolve a trama da obra.
    Recomendaría este libro porque é fácil e rápido de ler e ten unha historia que fai reflexionar ó lector.

    ResponderEliminar
  2. Silvia Racamonde25/2/14, 11:16

    Considero que é unha obra que mostra moita realidade sobre o pensamente e a diferenza das clases que había fai uns anos. É unha obra que pode gustar á maioría dos lectores, xa que a pesar de comezar a obra avergoñándose a familia do protagonista do seu pasado, rematan por aceptalo e non escondelo.

    ResponderEliminar
  3. Adrián Castro Montenegro18/12/15, 9:55

    Este libro sorprendeume positivamente. Escollino porque pese a que me gusta o teatro, non teño lido moitas obras deste xénero. Penso que o máis relevante desta obra é sen dúbida o uso da ironía e a retranca galegas como base para contar a historia. Por outra banda, tamén me gustaron os personaxes que Dieste escolle. "A Fiestra Valdeira" é dende logo un libro que recomendaría, non só porque é facil de ler, senón porque tamén amosa esa sociedade da Galiza de principios de século na que o que máis preocupaba era o que dirán, e na que facer fortuna era o máis importante.

    ResponderEliminar
  4. Andrea Blanco Pérez 2º BAC A23/5/16, 10:28

    Cun argumento novidoso e orixinal, Rafael Dieste, nesta obra súa, expón o conflito da aceptación ou rexeitamento da identidade propia, no caso de don Miguel, o protagonista, a mariñeira.
    Recoméndoo a todo o mundo, xa que, ademais de ser moi doado de ler e de ter un argumento sinxelo, sen moitos xiros, representa tal e como son os mariñeiros, empregando a retranca e o humor típicos deles. Incluso nos amosa os prexuízos existentes naquela época sobre a identidade galega, representados por Adelaida e a súa nai.

    ResponderEliminar
  5. O que máis me gustou da obra foi o tema do rexurdir do pasado, plasmar os recordos nunha imaxe de rasgos significativos para que as próximas xeracións te recoñezan como realmente eras e te admiren polo traballo que che custou chegar a ser mellor.Tamén hai que destacar a identificación presente e futura dos mariñeiros ao ver a ribeira no cadro.

    ResponderEliminar
  6. Neste clásico da literatura galega,Rafael Dieste,retoma a súa orixe mariñeira(Rianxo)a través dunha peza teatral, ou como el mesmo define "comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro cun respiro".
    O feito de que o autor exprese dende unha perspectiva orixinal e a través dun léxico sinxelo, un tema de tan grande importancia como son as orixes, as cales non debemos esquecer para poder avanzar cara ó futuro,sen ningún tipo de prexuízo sobre o noso pasado fai, na miña opinión deste libro unha lectura obrigatoria para calquera tipo de público, sendo unha fácil maneira de achegarse a unha relidade tan galega como o amor polo mar.

    ResponderEliminar
  7. Rocío Valín, 2 Bac15/6/17, 11:47

    Nesta obra, faise unha importante reflexión sobre a identidade galega e como asumila. Para min isto é algo que deberíamos facer todos a nivel persoal. A min de feito axudoume a valorar máis a miña cultura e a desbotar o autodio.

    ResponderEliminar
  8. Uxio Capón Lamelas 2ºBAC A7/5/18, 12:38

    Nesta obra, Rafael Dieste reflicte moi ben un dos grandes pecados do pobo galego: a vergoña do noso pasado. Fai uso da retranca e da ironía en moitas partes do libro e expresa o seu contido de xeito sinxelo para o lector.Esta obra ten moitos valores que se transmiten con facilidade como a humildade, a honradez...

    ResponderEliminar
  9. Carla Soto Veiga, 2º BAC4/6/19, 11:27

    É unha obra moi interesante que me fixo pnsar sobre os prexuízos que temos os galegos, ensinoume que deberíamos presumir do noso pasado e non ocultalo.
    Aconsellaríallo a calquera persoa, xa que considero que é un libro que debemos ler moitos de nós para concienciarnos da realiade galega.

    ResponderEliminar
  10. Alba Varela García, º BAC4/6/19, 11:43

    Esta obra de teatro pareceume moi interesnte e gustaríame vela representada.
    Sorperndeume moito, sobre todo pola forma na que un obxecto tan sinxelo como é un cadro, pode chegar a ser tan relevante e significar tanto para tantas persoas.
    Recomendaría este libro porque é fácil e rápido de ler e a historia que conta invita o lector a reflexionar.

    ResponderEliminar