11 mar 2013

O vixía no centeo

Holden Caulfield, coñecendo que vai ser expulsado da escola, decide deixala antes. Pasa tres días na cidade de Nova York e conta a historia do que fixo e sufriu. Narrada moi subxectivamente (o protagonista fai valoracións de todo canto relata), utilizando unha linguaxe propia da mocidade e facendo unhas análises da realidade mediatizadas pola peculiar personalidade do protagonista, a través do relato asistimos á fuxida cara adiante de Holden quen expulsado do seu elitista colexio, decide marcharse de alí e deambula polas rúas de Nova York queimando un tras outro os seus recursos de subsistencia. Personalidade nerviosa e sensible, Holden, na transición da adolescencia á madurez, enfróntase no decurso dunhas poucas horas cos grandes temas que preocupan a tódolos mozos: o seu lugar na sociedade, os valores que se afianzan e se desbotan, a actitude fronte á morte, o amor e outros sentimentos que suscita, a amizade, a iniciación ó sexo..., contado todo con humor e unha extraordinaria intensidade narrativa, nun maxistral relato en primeira persoa. Holden Caulfield é, dende 1951, ano da publicación de O vixía no centeo, o sinónimo de adolescente inconformista, o símbolo da autoafirmación do individuo fronte a un medio hostil. Neses tres días, nos que cronoloxicamente se desenvolve a novela, Holden enfróntase ás súas propias contradicións e ó imperioso desexo de fuxida. Fuxir do mundo que lle agarda ó medrar, como se nese fuxir a única saída fose inmobilizar o tempo.O vixía no centeo (The catcher in the rye) está considerada como un dos clásicos da literatura norteamericana contemporánea. Centos de miles de estudiantes de todo o mundo descobren cada ano o pracer da literatura da man do escritor norteamericano J. D. Salinger.

9 comentarios:

  1. Laura 2º BAC B20/3/13, 14:44

    O vixía de Centeo é unha obra que ten como protagonista a un mozo de dezaseis anos chamado Holden Caulfield.

    Este personaxe ten uns sentimentos moi cambiantes propios da súa idade e pódese apreciar durante todo o longo da novela a personalidade cambiante deste mozo. Por exemplo: o comezo do libro parece que os seus compañeiros non lle caen ben, Ackley e Strandlater, pero cando abandoa a escola acórdase deles e ata di que os estraña.
    Outro exemplo é que tiveron que expulsalo de varias escolas polo seu comportamento.

    O que máis chama a atención deste mozo, dende o meu punto de vista, é a relación que Holden ten cos seus familiares. Na novela parece que Caulfield case non ten relación cos seus progenitores. Mentres que cos seus irmáns a relación é totalmente diferente, teñen unha boa e próxima relación. Coa que mellor se leva e coa súa irmá pequena Phoebe, é a única na que ten confianza e atrévese a contarlle o que realmente ocorre dende o comezo.
    Co seu irmán Allie tamén tiña unha boa relación pero este morrera facía uns anos. Holden todavía se lembra moito del chegando a falar en alto en moitas ocasións pensando que Allie o pode escoitar.

    En certo modo tamén apreciamos que Holden despreza a sociedade e pensa que os homes e mulleres son todos uns hipócritas. Na novela tamén aparece esto reflexado cando lle di a súa irmá que quere ir vivir a unha cabana afastada do mundo e casar cunha xordo muda para así non ter que falar nunca máis, igualmente di que non mandaría o seus fillos ó colexio senón que preferiría educalos el mesmo na casa.

    Con todo isto paréceme unha novela moi interesante porque debido ós sentimentos tan cambiantes do protagonista non podemos imaxinarnos cal será o desenlace polo que te sentes moi intrigado e ter ganas de avanzar na lectura.

    ResponderEliminar
  2. Paula 3ºC30/5/13, 16:27

    Nesta novela de J.D. Salinger coñecemos a Holden Caulfield, un rapaz de dezasete anos que vive en Nova York. Nas páxinas de O vixía no centeo, Holden conta a súa escapada do prestixioso colexio de pago ao que asiste e as súas peripecias pola cidade de Nova York.
    Sen dúbida, o punto forte da novela, narrada en primeira persoa, é o seu protagonista. Ao longo das súas páxinas, chegamos a coñecer moi ben a Holden, un rapaz de clase alta que é expulsado da escola de Pencey Prep, non porque se meta en conflitos, senón porque suspende todas as materias (agás Inglés). Holden é un personaxe moi redondo: inmaturo e idealista, o que máis detesta é a falsidade, algo comprensible, xa que el é a representación mesma da autenticidade, esa característica tan propia da xuventude. Holden négase a pregarse ás normas sociais, e durante a novela fala do seu desexo de ir vivir a unha cabana no bosque, lonxe dunha sociedade que atopa hipócrita.
    Ao resto dos personaxes non chegamos a coñecelos tan ben, xa que as súas aparicións son escasas e case todo o que se sabe deles é a través do punto de vista de Holden. A súa irmá pequena, o seu irmán falecido, os seus pais, os seus compañeiros en Pencey, as mozas coas que sae... todos eles son retratados polo protagonista, e calquera asomo de hipocrisía ou falsidade neles, detectado con ollo clínico.
    Cando rematei de ler a novela, a miña impresión foi a de que acababa de ler algo absolutamente prescindible, mais, unhas semanas despois, a miña opinión cambiou totalmente, xa que se trata dunha historia sobre a que hai que reflexionar para chegar a apreciala. O maior logro de O vixía no centeo non é o feito de ser a primeira novela que presentou a un adolescente falando de sexo e drogas (de feito, é seguro que a enorme cantidade de historias deste estilo que se escriben agora non existirían de non ser pola obra de Salinger) senón porque crea un personaxe que representa perfectamente o idealista que non quere vivir baixo as artificiais normas da sociedade. Holden é un personaxe ao que sempre terei cariño.

    ResponderEliminar
  3. Clara, Segundo de Bac B6/5/14, 13:00

    Esta novela, narrada por un rapaz de 16 anos en primeira persoa, pareceume moi interesante por varias razóns. A primeira é que resulta moi fácil para o lector sentirse identificado co protagonista. Fala dos seus sentimentos e ten problemas relativamente normais, non son aventuras heroicas. Ten en ocasións expresións vulgares e ten bastantes momentos cómicos.
    Unha das cousas que máis me gustou do libro son os momentos nos que hai un diálogo e o narrador expresa os seus pensamentos e dá a súa opinión sobre o que se está dicindo.
    Gustoume moito o personaxe de Ackley e sobre todo o da irmá de Holden, na que pensa moito e é a súa motivación para tomar decisións.
    Penso que o libro é un pouco machista por que deixa mal as mulleres, que aparecen como personaxes secundarios pasivos, criadas, prostitutas...
    Aínda así, penso que é un libro cunha historia en parte divertida e en parte triste, que recomendaría porque me gustou moito.

    ResponderEliminar
  4. ``O vixía no centeo´´ é una historia que transcorre temporalmente ó longo dun par de días, narrada moi subxectivamente, posto que o propio Holden fai referencias e valoracións de todo o que lle ocorre.
    Persoalmente non foi un dos libros que máis me gustou, non me pareceu nin bonito nin agradable, pero non pola temática nin a forma de narrar, senón pola personalidade prepotente e inmadura que ten Holden, o personaxe principal, aínda que cara ó final entendes mellor as súas reaccións.
    Por outra banda, a relación que este mantén coa súa irma máis nova dálle un toque moi doce a historia, onde se nos mostra as lectoras o lado máis amable do rapaz.

    ResponderEliminar
  5. Adrián Rifón, 2º BAC16/11/17, 10:42

    É un libro interesante, ten moitas descricións e o protagonista, Holden Cauldfield, conta todo do que se lembra no momento, mostrando o que a min me gusta chamar “minihistorias”, todo dentro da historia principal.
    O protagonista é moi peculiar, ten moitas manías e un temperamento moi variable.
    Recomendo este libro a todos os adolescentes porque invita a reflexionar sobre esta etapa da vida.

    ResponderEliminar
  6. O vixia no centeo pareceume un libro bastante interesante e intrigante . O protagonista Holden pasa por unha serie de dificultades que resultan moi difíciles de conlevar, o que che fai empatizar con el. É unha novela fácil de comprender e cunha linguaxe moi simple. Recomendaría esta novela porque é diferente ao que estamos afeitos ler e ao estar en voz dun protagonista novo cunha vida parecida á nosa da cal moitas veces non somos conscientes das cousas que adoitan pasar.2ºBACB

    ResponderEliminar
  7. Holden é un mozo adolescente que despois de numerosas desgrazas na súa vida, entre elas a morte do seu irmán pequeno Allie, non sabe o que quere ni cal é o seu lugar no mundo.
    Este mozo pasou por numerosos institutos dos que sería expulsado pola súa falta de interese, neste caso da escola Pencey, un internado para rapaces de clase alta.
    Nesta novela o protagonista irá abrindo a súa mente e así pouco a pouco iremos descubrindo porque motivos volveuse un mozo tan problemático.
    O autor introducirá numerosos personaxes dos suburbios de Nova York e así coñeceremos a cara oculta desta cidade.
    Con todo isto pareceume unha novela moi interesante xa que como o protagonista é tan cambiante non podemos imaxinar cal será o final do libro.

    ResponderEliminar
  8. O vixia no centeo, é unha novela onde Holden, un rapaz de dezaseis anos que vive en Nova York, cóntanos en primeira persoa unha serie de experiencias que vive no internado Pencey, do que decide fuxir xa que unha vez máis o ían expulsar.

    Holden mostrásenos como un rapaz algo covarde que adoita mentir para non ter que dar explicacions e á súa vez detesta que lle mintan, tamén mostra unha personalidade cambiante ao longo da historia, propia da súa idade. Este practicamente só ten relación co seu irmán maior e coa súa irmá a que lle ten un gran aprecio, ademais vese moi marcado pola perda do seu irmán pequeno, e nalgunha ocasión tenta falar con el como se este o poidese oír.

    Durante a sua fuxida Holden irá planificando o seu destino segundo os cartos dos que dispón, durmindo en hoteis baratos e frecuentando locais dos suburbios onde podemos observar a cara oculta dunha cidade coma Nova York.

    Pareceume unha novela moi boa xa que debido ao carácter cambiante do protagonista, non sabes como vai rematar a historia, o que convida a seguir léndoa e che fai reflexionar sobre a vida e as decisións que tomamos ás veces. Sen dúbida recoméndoa.

    ResponderEliminar
  9. Este libro pareceume interesante. O protagonista é un rapaz chamado Holden. Este ten unha boa relación cos seus irmáns. Ten un irmán maior e unha irmá pequena a cal lle ten moito afecto. Sen embargo non é tan boa cos seus pais. Holden ten que enfrontarse cunha serie de problemas que lle ocorren. Por este motivo faite sentir identificado con el xa que son un conxunto de dificultades polas cales poderiamos pasar calquera de nós. Tamén te podes identificar con el pola súa forma de expresarse e sobre a súa forma de ver as cousas, a cal vai cambiando ao largo da historia

    Recomendaríao xa que é doado de ler e comprender. Utiliza unha linguaxe sinxela, mesmo chegando a utilizar expresións vulgares, tamén porque ten partes nas que o protagonista se pon a reflexionar e expresa os seus sentimentos, e polo tanto convídate a pensar sobre o teu modo de vida, facéndote ver se o teu modo de actuar ante a vida é o correcto, ou se podería mellorar. A min persoalmente estas reflexións foron o que máis me gustou do libro.



    Sergio Fernández Núñez 2ºBAC A

    ResponderEliminar