11 mar. 2013

O vixía no centeo

Holden Caulfield, coñecendo que vai ser expulsado da escola, decide deixala antes. Pasa tres días na cidade de Nova York e conta a historia do que fixo e sufriu. Narrada moi subxectivamente (o protagonista fai valoracións de todo canto relata), utilizando unha linguaxe propia da mocidade e facendo unhas análises da realidade mediatizadas pola peculiar personalidade do protagonista, a través do relato asistimos á fuxida cara adiante de Holden quen expulsado do seu elitista colexio, decide marcharse de alí e deambula polas rúas de Nova York queimando un tras outro os seus recursos de subsistencia. Personalidade nerviosa e sensible, Holden, na transición da adolescencia á madurez, enfróntase no decurso dunhas poucas horas cos grandes temas que preocupan a tódolos mozos: o seu lugar na sociedade, os valores que se afianzan e se desbotan, a actitude fronte á morte, o amor e outros sentimentos que suscita, a amizade, a iniciación ó sexo..., contado todo con humor e unha extraordinaria intensidade narrativa, nun maxistral relato en primeira persoa. Holden Caulfield é, dende 1951, ano da publicación de O vixía no centeo, o sinónimo de adolescente inconformista, o símbolo da autoafirmación do individuo fronte a un medio hostil. Neses tres días, nos que cronoloxicamente se desenvolve a novela, Holden enfróntase ás súas propias contradicións e ó imperioso desexo de fuxida. Fuxir do mundo que lle agarda ó medrar, como se nese fuxir a única saída fose inmobilizar o tempo.O vixía no centeo (The catcher in the rye) está considerada como un dos clásicos da literatura norteamericana contemporánea. Centos de miles de estudiantes de todo o mundo descobren cada ano o pracer da literatura da man do escritor norteamericano J. D. Salinger.

5 comentarios:

  1. Laura 2º BAC B20/3/13 14:44

    O vixía de Centeo é unha obra que ten como protagonista a un mozo de dezaseis anos chamado Holden Caulfield.

    Este personaxe ten uns sentimentos moi cambiantes propios da súa idade e pódese apreciar durante todo o longo da novela a personalidade cambiante deste mozo. Por exemplo: o comezo do libro parece que os seus compañeiros non lle caen ben, Ackley e Strandlater, pero cando abandoa a escola acórdase deles e ata di que os estraña.
    Outro exemplo é que tiveron que expulsalo de varias escolas polo seu comportamento.

    O que máis chama a atención deste mozo, dende o meu punto de vista, é a relación que Holden ten cos seus familiares. Na novela parece que Caulfield case non ten relación cos seus progenitores. Mentres que cos seus irmáns a relación é totalmente diferente, teñen unha boa e próxima relación. Coa que mellor se leva e coa súa irmá pequena Phoebe, é a única na que ten confianza e atrévese a contarlle o que realmente ocorre dende o comezo.
    Co seu irmán Allie tamén tiña unha boa relación pero este morrera facía uns anos. Holden todavía se lembra moito del chegando a falar en alto en moitas ocasións pensando que Allie o pode escoitar.

    En certo modo tamén apreciamos que Holden despreza a sociedade e pensa que os homes e mulleres son todos uns hipócritas. Na novela tamén aparece esto reflexado cando lle di a súa irmá que quere ir vivir a unha cabana afastada do mundo e casar cunha xordo muda para así non ter que falar nunca máis, igualmente di que non mandaría o seus fillos ó colexio senón que preferiría educalos el mesmo na casa.

    Con todo isto paréceme unha novela moi interesante porque debido ós sentimentos tan cambiantes do protagonista non podemos imaxinarnos cal será o desenlace polo que te sentes moi intrigado e ter ganas de avanzar na lectura.

    ResponderEliminar
  2. Paula 3ºC30/5/13 16:27

    Nesta novela de J.D. Salinger coñecemos a Holden Caulfield, un rapaz de dezasete anos que vive en Nova York. Nas páxinas de O vixía no centeo, Holden conta a súa escapada do prestixioso colexio de pago ao que asiste e as súas peripecias pola cidade de Nova York.
    Sen dúbida, o punto forte da novela, narrada en primeira persoa, é o seu protagonista. Ao longo das súas páxinas, chegamos a coñecer moi ben a Holden, un rapaz de clase alta que é expulsado da escola de Pencey Prep, non porque se meta en conflitos, senón porque suspende todas as materias (agás Inglés). Holden é un personaxe moi redondo: inmaturo e idealista, o que máis detesta é a falsidade, algo comprensible, xa que el é a representación mesma da autenticidade, esa característica tan propia da xuventude. Holden négase a pregarse ás normas sociais, e durante a novela fala do seu desexo de ir vivir a unha cabana no bosque, lonxe dunha sociedade que atopa hipócrita.
    Ao resto dos personaxes non chegamos a coñecelos tan ben, xa que as súas aparicións son escasas e case todo o que se sabe deles é a través do punto de vista de Holden. A súa irmá pequena, o seu irmán falecido, os seus pais, os seus compañeiros en Pencey, as mozas coas que sae... todos eles son retratados polo protagonista, e calquera asomo de hipocrisía ou falsidade neles, detectado con ollo clínico.
    Cando rematei de ler a novela, a miña impresión foi a de que acababa de ler algo absolutamente prescindible, mais, unhas semanas despois, a miña opinión cambiou totalmente, xa que se trata dunha historia sobre a que hai que reflexionar para chegar a apreciala. O maior logro de O vixía no centeo non é o feito de ser a primeira novela que presentou a un adolescente falando de sexo e drogas (de feito, é seguro que a enorme cantidade de historias deste estilo que se escriben agora non existirían de non ser pola obra de Salinger) senón porque crea un personaxe que representa perfectamente o idealista que non quere vivir baixo as artificiais normas da sociedade. Holden é un personaxe ao que sempre terei cariño.

    ResponderEliminar
  3. Clara, Segundo de Bac B6/5/14 13:00

    Esta novela, narrada por un rapaz de 16 anos en primeira persoa, pareceume moi interesante por varias razóns. A primeira é que resulta moi fácil para o lector sentirse identificado co protagonista. Fala dos seus sentimentos e ten problemas relativamente normais, non son aventuras heroicas. Ten en ocasións expresións vulgares e ten bastantes momentos cómicos.
    Unha das cousas que máis me gustou do libro son os momentos nos que hai un diálogo e o narrador expresa os seus pensamentos e dá a súa opinión sobre o que se está dicindo.
    Gustoume moito o personaxe de Ackley e sobre todo o da irmá de Holden, na que pensa moito e é a súa motivación para tomar decisións.
    Penso que o libro é un pouco machista por que deixa mal as mulleres, que aparecen como personaxes secundarios pasivos, criadas, prostitutas...
    Aínda así, penso que é un libro cunha historia en parte divertida e en parte triste, que recomendaría porque me gustou moito.

    ResponderEliminar
  4. ``O vixía no centeo´´ é una historia que transcorre temporalmente ó longo dun par de días, narrada moi subxectivamente, posto que o propio Holden fai referencias e valoracións de todo o que lle ocorre.
    Persoalmente non foi un dos libros que máis me gustou, non me pareceu nin bonito nin agradable, pero non pola temática nin a forma de narrar, senón pola personalidade prepotente e inmadura que ten Holden, o personaxe principal, aínda que cara ó final entendes mellor as súas reaccións.
    Por outra banda, a relación que este mantén coa súa irma máis nova dálle un toque moi doce a historia, onde se nos mostra as lectoras o lado máis amable do rapaz.

    ResponderEliminar
  5. Adrián Rifón, 2º BAC16/11/17 10:42

    É un libro interesante, ten moitas descricións e o protagonista, Holden Cauldfield, conta todo do que se lembra no momento, mostrando o que a min me gusta chamar “minihistorias”, todo dentro da historia principal.
    O protagonista é moi peculiar, ten moitas manías e un temperamento moi variable.
    Recomendo este libro a todos os adolescentes porque invita a reflexionar sobre esta etapa da vida.

    ResponderEliminar