21 ene 2013

Os biosbardos


Sete contos sinceros e intensos coa infancia como protagonista.

Os biosbardos é un conxunto de "contos para a xente", postos todos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e ás veces dramático mundo infantil. Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. Son, quizais, as máis sinceras e menos académicas de cantas escribiu. Nelas brillan con luz propia as mellores virtudes do seu autor, sen interferencias de ningún tipo. El mesmo o recoñecía así.

5 comentarios:

  1. Lucía Cabado Sánchez31/1/13, 21:52

    Como sabemos, o noso pasado estivo marcado pola fame, pola miseria; por numerosas penurias que hoxe en día recordamos con tristura, pero ademais, eses tempos tamén se caracterizaban polas troulas, polas falcatruadas (especialmente as dos raparigos ); por esa incrible vitalidade que amosaban esas persoas desfavorecidas. Precisamente, todo isto é o que o autor; Eduardo Blanco Amor, quere mostrar neste libro.
    En numerosas ocasións, meu avó, tenme contado historias ben semellantes as que relata o libro, historias que emocionan,que che fan rir ou sentir mágoa; pero todas elas cun elemento en común, un raparigo como protagonista. Sabemos que a base dun futuro está na infancia e adolescencia, polo que todas as vivencias desas etapas son un elemento clave para os tempos futuros. Deste xeito, estes nenos dos que no libro nos relatan algúns episodios da súa infancia, constitúen unha fonte de imitación por parte dos rapaces da nosa época, por exemplo, a loita por conseguir un futuro (como podemos ver no capítulo titulado: “O salvamento”) ou tamén aprender a valorar as cousas que temos e que non lles damos importancia ningunha ( como nos amosan en diversos capítulos, por exemplo os chamados: “O noxo” ou “O encalatro”, no que os nenos fan o que sexa por conseguiren un prato de comida).
    Por outra banda, tamén podemos ver capítulos ben graciosos como os titulados: “Os biosbardos” ou “Bartolomeu e os biosbardos”, nos cales vemos a falta de picardía ou inocencia propia dos nenos. Ademais de haber un dedicado o amor: “O estreno”, cun final non agardado.
    Finalmente, con esta breve valoración do libro, dicir que llo recomendo a todas aquelas persoas que queiran coñecer algo do noso pasado, e tamén poñer de manifesto algúns dos valores que parece que con el, se foron esquecendo.

    ResponderEliminar
  2. Raquel Cela Dablanca19/3/13, 18:24

    Os biosbardos é un libro de Eduardo Blanco Amor onde narra relatos que moitos dos nosos avós seguro que viviron na súa infancia xa que describen a Galicia daquela época. Todos eles están protagonizados por nenos, estas son historias de experiencias persoais do intenso e ás veces dramático mundo infantil.
    Este libro está formado por sete relatos que aínda que todos teñen algo en común son moi diferentes uns dos outros. Neles podemos observar o tema da emigración, como os galegos vían á xente que emigraba e despois regresaba a súa terra e como estes emigrantes só pensaban en regresar (isto apréciase no capítulo "O salvamento"). Outros relatos como pode ser "O noxo" mostrannos a Galicia máis pobre e famenta, na que se nos mostra o que un simple neno é capaz de facer por culpa da fame.
    Pero tamén nestes relatos podemos ver a parte máis inocente e boa dos nenos, os seus xogos, trasnadas...etc, como por exemplo nos relatos "Os biosbardos" ou "A arrasadeira" e ata incluso pequenas historias de amor como no relato "O estreno".
    Estes relatos móstrannos que, a pesar, da difícil situación que estaban a vivir tamén había tempo para ser nenos.

    ResponderEliminar
  3. É un libro composto por sete ralatos que están ambientados na vella cidade de Ourense, a chamada Auria, así mesmo, teñen en común, que todos están narrados por un narrador infantil ou adolescente. Outro rasgo en común é a procedencia dos protagonistas, que na súa maioría, pertencen ás clases populares.
    Todos estes contos transcorren no Ourense da nenez de Blanco Amor, o escritor deste libro que trata os problemas reais de primeira man que mestura cunha dose de imaxinación e fantasía.
    Por exemplo, podemos atopar a fantasía no relato: Bartomeu e os biosbardos. Así mesmo, trata temas como a pobreza, que está moi presente en todo o libro, un exemplo é O noxo, onde un meniño tiña que ir a facerlle recados a unha muller eivada só por conseguir pan duro, ademais, móstrase aquí, a importancia das apariencias, na casa morrían de fame, pero tiñan que aparentar. E nesta época outro problema moi importante é a emigración, como amosa O salvamento, este tema é moi importante en Galicia e sempre marcou moito ás persoas e a arte, neste caso a literatura. Por último tamén dicir que se tratan outros temas coma o erotismo que o podemos observar en O estreno, onde un adolescente se fixa por primeira vez nunha moza.
    En resumidas contas, este libro de relatos, pertencente ó realismo social, abrangue os temas máis importantes da sociedade galega naquela época, evocándonos ó sufrimento e ás penurias que se pasaban naquel entonces.
    Para rematar direi que o relato: A primeira comunión gustoume moito, xa que, amosa como a Igrexia controlaba e era moi importante na educación, facendo ós nenos creer en enganos, e quizais, desgraciadamente, hoxe en día, se lle siga dando demasiada importancia á relixión, creando así un problema social.

    ResponderEliminar
  4. “Os biosbardos” é un libro escrito por Eduardo Blanco Amor que está formado por un conxunto de relatos curtos. Os protagonistas de todos estes relatos son nenos que, ó igual que moitos dos nosos antepasados, viviron nun ambiente de fame, pobreza, emigración...
    Por exemplo, “O noxo” fainos reflexionar sobre o que é capaz de facer unha persoa para non pasar tanta fame. “O salvamento” preséntanos o tema da emigración, e os distintos puntos de vista de dito tema.
    Pero a pesar da vida que tiñan moitos nenos nesa época, Blanco Amor tamén reflicte unha parte da infancia que compartimos todos, as trasnadas,que en maior ou menor grado todas as persoas fixeron cando eran pequenos, e cando as recordamos, é imposible que non apareza un sorriso no noso rostro.

    ResponderEliminar
  5. tal cual hermano tal cual

    ResponderEliminar