18 oct 2012

MADE IN GALIZA



Sende Sende

 Un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.
  Este libro foi traducido ao curdo pola editorial Avesta, co título: Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim, "Nin en soños vou perder a miña lingua".

Podes ver aquí a presentación de Made in Galiza na feira do libro de Vigo 2007, a cargo de Séchu Sende, Carlos Santiago, Carlos Lema e o Galiza Pulgas Circus.

24 comentarios:

  1. Un libro feito en Galicia e para galegos. Que forma máis simpática de defeder o noso! A nosa fermosa lingua vén neste libro cos disfraces e as formas máis diversas e divertidas que poidamos imaxinar.

    Quen pensou na lingua coma unha receita? Quen nunca quixo unha boneca que falara galego?
    Que forma máis agradable de demostrar a forza da nosa lingua!
    Incluso nos fai reflexionar e darnos conta da situación da nosa lingua con exemplos, ou simplemente ver o que ocorrería se fose noutra lingua, como o castelán, fai que nos deamos conta do gravísimo erro que estamos a cometer, e o peor e que fan falta estas esaxeracións e velo dende os ollos doutras persoas para que recapacitemos.

    Volvámonos preguntar, xa non se queremos, senón se vimos algún boneco que falara en galego, pero seguramente que falaran en inglés vímolos, abofé que si.
    Pois isto hai que solucionalo, e o libro tamén da solucións e tamén nos permite ver dende os ollos das persoas concienciadas, aqueles que din con orgullo esa frase tan fermosa, que debido a súa importancia ocupa unha páxina do libro para que poidamos vela e apreciala, para que podamos comprender o significado desas catro palabras, que proclaman e reivindican a nosa lingua: “eu nunca serei yo”.

    Nós empequenecemos a Galicia, porque como ben di un dos cortos capítulos, ó agochar as súas palabras, o non querer usar as súas fermosas verbas, facemos este o noso país máis pequeño.

    Pero non todo é malo, hai palabras e persoas que loitan polo galego; unha das frases máis fermosas que nunca lin e sen dúbida a que máis me fixo reflexionar e que fai que poida resumir o que o libro nos quere transmitir e coa que remato este breve comentario:
    “Espero que aprendan a valorar a súa propia cultura, a súa identidade, pois xa se sabe que alguén que non ten raíces non pode voar”.

    ResponderEliminar
  2. Unha obra literaria de Séchu Sennde onde critíca todo aquel que desvaloriza a lingua galega sen ter máis motivos que crer que é unha lingua de pailáns .
    Neste libro de 42 relatos ten como tema principal a lingua galega, móstrasenos claramente as situacións de moitos galegos desvalorizando a súa propia lingua.
    No relato que se titula Madrith, o autor dende o punto de vista dunha muller madrileña,expón que na súa cidade non se fala castelán. Pretende que fagamos unha reflexión e critíca á falta de uso da lingua galega nas cidades.
    Este libro ensinoume a valorar o galego que é unha lingua con moita cultuta e da que me sinto orgullosa.

    ResponderEliminar
  3. Lucía Cabado31/1/13, 21:58

    Séchu Sende, autor deste libro cheo de maxia, non só consigue engaiolar rapidamente aos amantes da nosa terra, senón que traspasa esa fronteira e acada chegar a persoas alleas a nosa cultura ou simplemente non identificadas con ela.
    Digo cheo de maxia, porque realmente ten algo, que non logro describir, que te atrapa dende o primeiro relato ó último. Quizais ese algo é a miña conexión directa con moitas historias das que conta, en concreto coas que están destinadas a ridiculizar as diversas situacións de menosprezo que sofre a lingua galega. Tamén, non me podo esquecer, desoutras que facilmente che arrancan un sorriso ou te emocionan coa súa sinxeleza e dozura.
    Ademais, saiban que é o medicamento máis efectivo para todas aquelas persoas que padecen o trastorno de desprezar a súa terra ou as súas raíces. Unha dose deste libro será suficiente para que consigan curar todas esas alteracións con respecto o seu berce, a terra que os viu medrar.
    Por outra banda, outro dos aspectos que me gustaron do libro, foi o feito de que está organizado en pequenos relatos. Isto permíteche gozar dunha estupenda historia en moi pouco tempo, o que che dá a oportunidade de lelo en tempos mortos, sen a preocupación de perder o fío ou omitir detalles como sucedería se se tratase de longos relatos.
    Xa para rematar, dicir que é un libro recomendable para todo o mundo, en especial para aquelas persoas que como ben di o libro son: Made in Galiza.

    ResponderEliminar
  4. Made in Galiza é un libro composto por breves relatos que teñen como tema principal a defensa da lingua galega. Nos diferentes relatos trátase de formas moi diversa dito tema principal.

    Por outra banda, o libro, tratado de forma xeral, represanta a Galicia e a súa cultura xa que se presentan relatos inocentes, creativos a par que emocionantes como xa se nos di na contraportada do mesmo.

    Pero como non podía ser doutro xeito, nun libro dividido en relatos algúns chamáronme máis a antención ca outros é o caso do relato “Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos das drogas”. Neste relato en forma de estudo podemos ver a actitude que presentan os adolescentes con respecto ó galego recollendo as súas valoracións, ademaís de exemplificar algúns dos prexuízos estudados na clase:

    Vinculación do galego co mundo rural: “ Dejate de ese royo del gallego, que no estamos en la aldea” .
    O galego non serve para nada: “ Gallego,gallego, aún si supiese hablar inglés..”

    Pero a pesar destes prexuízos tamén vemos reflectido a aproximación, o apego, o compromiso... O relato reflicte as contradicións que se dan nunha situación de conflito lingüístico.

    Outro dos relato que tamén chamou a miña atención foi “Madrith” no que unha cidadá de madrid presenta unha queixa sobre a situción do español ( lingua propia de Madrid). No relato vemos como o español está a perder falantes xa que unha gran maioria da poboación deixa de falar a súa lingua e substitúea polo castelán. Polo tanto, o texto está a tratar o mesmo problema, de xeito paródico, tamén presente en Galicia con galego e o castelán.

    Para rematar faría fincapé noutros tres relatos. O primeiro, “Dióxenes” porque penso que fai referencia o número de palabras galegas que se perden a diario e o protagonista do relato, Dióxenes, representa as persoas comprometidas coa lingua que se preocupan por todas esas palabras que van desaparecendo para evitar que desaparezan.

    O segundo, o último relado do libro, “Estou contigo” porque o que comeza parecendo una carta de amor cara una rapaza, acaba sendo unha fermosa carta de amor cara a lingua do autor: o galego.

    O terceiro, e por último “Nin en soños vou perder a miña lingua” porque foi unha das escenas que se representan na obra teatral “Pelos na lingua” .

    ResponderEliminar
  5. Marta López Andón7/4/13, 9:54

    Esta obra, escrita por Séchu Sende, logrou que me fixase nos distintos aspectos nos cales a nosa lingua sofre discriminacións, tratándos dunha maneira digamos peculiar.

    Divídese pois en varios relatos que nalgúns casos parodian sobre estas situacións; como pode ser en “Madrith” no que se nos conta a situación imaxinaria de desprezo que vive o castelán en Madrid, facéndonos reflexionar pois realmente estanos a contar a triste historia da nosa lingua, o galego.

    Noutro dos relatos un grupo de nenos comunicase co espírito de Castelao mediante un ouigha, e un deles que non falaba galego acabou por prometerlle a este que “...empiezo mañana mismito” referíndose a usar a lingua. Lendo este libro e difícil que non che dean ganas de facer esta mesma promesa.

    Fainos polo tanto cos diversos relatos sacar a nosa parte máis galega, e descubrir o amor que seguramente todos os galegos sentimos cara a nosa lingua; ou iso quero pensar, que todos o sentimos.

    Gustoume especialmente o último relato, e máis aínda a última frase; por esta razón remato dirixíndome a ela, o amor de moitos galegos, usando a frase final da obra. “E quería dicirche que estou contigo, miña lingua”

    ResponderEliminar
  6. “Made in Galiza” de Séchu Sende é un libro ideal para os galegos amantes da súa propia lingua xa que creo que fai unha gran reflexión sobre a situación á que está sometida hoxe en día a lingua galega.

    Este é un libro cheo de maxia que fai que te enganches desde o primeiro ata o último relato do libro.

    O principal sobre o que che fai reflexionar este libro cando o les creo que é por un lado, sacar a parte máis galega de cada un e valorar realmente a nosa lingua e por outro o valor e cariño que gardamos cara ela e que poucas veces mostramos nalgúns casos.

    O libro esta dividido en diversos relatos que fan referenza a lingua e a situación que vive como por exemplo o relato “Madrith” no que intenta reflectir a situación da lingua galega aplicada ao castelán falado en Madrid.

    Outro relato que me gustaría resaltar é “Estou contigo” xa que é un relato fermoso que cando o comezas a ler parece que é unha carta de amor cara unha persoa e finalmente resulta ser unha carta dun galego cara a lingua galega.

    Finalmente recomendo ler este libro a todo o mundo xa que pareceme un libro realmente fermoso, entretido e do que se pode aprender moito.

    ResponderEliminar
  7. O relato que máis me gustou foi: "Estou contigo". Neste fálalle á lingua de maneira amorosa e agradécelle a súa compañía coma se dunha nai se tratase. O que menos me gustou foi " O can de Sabucedo".

    Este libro gustoume moito polo léxico sinxelo e a dozura coa que Sende trata á nosa lingua. Ademais de ser unha obra á que te enganchas dende o primeiro momento.

    Recomendo "Made in Galiza" para toda clase de público que teña unha cultura mínima referinte á sociolingüística galega. Esta obra achega moita información necesaria para concienciar do estado da lingua e a necesidade da súa total normalización.

    ResponderEliminar
  8. É un libro de pequeñas historias escrito por Séchu Sende, autor galego nado na década dos 70.
    Nesta obra, o tema que predomina é a palabra. A palabra vista dende diferentes puntos, é dicir, ás veces é ela a protagonista e outras veces é a condutora dunha historia. Un exemplo no que é protagonista é na "Vendedora de palabras", no que se conta como unha muller vai a unha tenda a atopar un nome para o seu fillo. Todo isto relacionado co humor e a fantasía, porque, claro está, as palabras non se venden.
    Séchu Sende trata tamén o tema da lingua galega en diferentes ámbitos. Un dos relatos que máis me gustou relacionado co galego foi "Falar", o primeiro de todos. Nese, Clara, unha nena que aínda non fala, conta o problema de que non sabe en que lengua comezar a falar, xa que seus pais e seus avós entre eles falan en galego, pero a ela fálanlle en castelán. Vemos aquí certa crítica á sociedade.
    Outro relato relacionado coa lingua que me gustou foi "Nin en soños vou perder a miña lingua", no que unha rapaza se atopa asustada ao escoitar á xente dicir que os nenos están a perder a lingua.
    Chamoume especialmente a atención o relato "Nh positivo", no que, a través do humor, conta a historia da lingua galega e a relación co portugués. Pareceume unha maneira moi boa de contar a historia ao mesmo tempo que reivindica sobre a aceptación da grafía nh.
    Made in Galiza creo que é un libro de concienciación para frear a perda da lingua, así como de apreciación cara ás palabras e o valor que elas teñen, xa que, como el escribe, segundo un proverbio africano: Quen sabe falar nunca é pobre.
    O humor e a crítica tinguen tamén as páxinas deste libro. O primeiro é un recurso case constante, mentres que a crítica, nalgúns casos, aparece nun segundo plano.
    Creo que é un libro moi recomendable para todos, tanto para aqueles que xa están concienciados e que son devotos do galego, como para os que non o son, xa que estes últimos deberían darse de conta do privilexio que é ter unha lingua, así como poder ter a sorte de contar con dúas: unha propia, o galego, e o castelán.

    ResponderEliminar
  9. “Made in Galiza”, un libro onde o autor, Sechu Sende, reflexiona dunha forma simpática e entrentida sobre a situación na que se atopa a lingua, o galego.
    Con diversos relatos, o autor ridiculiza as situacions de menosprezo que sofre a nosa lingua, outros son moi breves, pero cunha gran mensaxe. Pero como poderiamos esperar, o autor busca nos relatos, representar a Galicia e a esencia dos galegos.
    Chamarónme especialmente a atención dous relatos, o primeiro “Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo o efecto das drogas”, xa que representa dunha maneira moi diferente á que estamos habituados, as diversas opinións, e á vez os prexuízos que os adolescente teñen sobre o galego.
    O outro relato que me gustou foi o último, debido á súa orixinalidade. O autor amósanos unha carta que nun principio parece ser para a súa amada, pero que en realidade é unha carta de amor e agradecemento cara ó galego.
    Na miña opinión é un libro moi recomendable, doado de ler e de entender, pero á vez un libro que trasmite unha gran mensaxe, todos os galegos deberiamos sentirnos orgullosos de poder ter unha lingua propia, por iso tamén sería moi importante axudar para poder acabar con prexuízos existentes.
    De feito lin este libro, xa que o tiña na miña casa, porque o meu pai mo regalou fai anos, coa intención de que falase en galego.
    No libro atopamos diversos relatos que nos aportan “solucións” para acabar coa situación na que se atopa o galego actualmente.
    Un dos más significantes e “Instruccións para aprender a hablar gallego”, nos que o autor danos unhas pequenas pautas para falar galego, pero sobretodo para acabar coa vergonza que temos.

    ResponderEliminar
  10. Tamara Rubinos, 2ºBAC15/12/17, 8:46

    Para min é un libro que merece a pena ler para decatarse de cousas que, ás veces, facemos sen querer, pero que perxudican a nosa lingua. Por que se os galegos non o falamos, quen máis o ía facer?

    ResponderEliminar
  11. Aray Rodríguez Díaz 2 bac B9/3/18, 21:41

    Pareceume un libro moi sinxelo de ler e moi entretido.Gustoume a maneira que ten de facer pensar sobre a nosa situación lingüística.Destacaría os relatos "Eu nunca serei yo" onde se reafirma na súa lingua,"Estudo sociolungüístico sobre a mocidade có efecto das drogas"xa que reflicte o pensamento da mocidade e "Paracaídas" a historia dunha avoa con demencia que propugna o uso da lingua.En conclusión é un libro altamente recomendable do que non houbo nada que non me gustase.

    ResponderEliminar
  12. "Made in Galiza" é un libro de relatos que cunton humorístico e ás veces irónico, pretende achegarnos á nosa lingua e facer un alegato de dignificación da mesma.
    É un libro dirixido principalmente para a mocidade, pois somos a xeración na que máis se está a producir o proceso de substitución lingüística polo castelán e razón pola cal nos podemos sentir identificados con algúns dos relatos como por exemplo: "Instrucciones para empezar a hablar gallego" ou "Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos das drogas", onde cun ton humorístico, simula unha entrevista con mozos que se atopan nun botellón e que ofrecen respostas moi dispares; desde os que rexeitan totalmente a lingua ata os que amosan un férreo compromiso.
    Gustoume especialmente o relato:"Eu fixen ouigha co espírito de castelao", pois pareceume unha maneira moi amena de introducir as figuras de Afonso Castelao e Rosalía de Castro nun libro para a mocidade.
    Tamén me gustou o relato "Madrith", pois dálle a volta á situación e en lugar de ser a lingua galega a que está inmersa no proceso de substitución lingüística é o castelán (cada vez fálase menos, considérase unha lingua atrasada e pouco fina, non se fan nin música nin películas en castelán a pesar de que foi unha lingua de prestixio empregada por grandes autores hai poucos séculos).
    "Made in Galiza" pareceume un gran libro que sen dúbida recomendaría, especialmente aos amigos que non falan galego habitualmente, para que se decaten da riqueza da nosa lingua.

    ResponderEliminar
  13. Carla Soto, 2º BAC21/12/18, 8:22

    O libro gustome moito, xa que me fixo pensar moito sobre a nosa lingua e o pouco que a valoramos, sobre todo a xente nova, todos os prexuízos que aínda que intentamos non ter, indirectamente e sen ser conscientes moitos de nós temos. O libro fíxome ver o pouco que somos conscientes dos problemas que están acabando coa nosa lingua e está moi ben para que os poidamos ver e así intentar acabar con eles

    20/12/18 12:51

    ResponderEliminar
  14. Cristhian Fajardo, 2º BAC10/5/19, 10:07

    O libro gustoume bastante. Mediante as súas historias conta a situación preocupante da lingua galega e dos prexuízos que a acompañan, como a sensación de inutilidade. É un libro para reflexionar e trata o tema desde varias perspectivas, como a ironía e o humor. Outra cousa que me chamou a atención é os protagonistas, que en varios casos son moi orixinais, como a visión dun bebé ou mesmo dunha palabra.

    ResponderEliminar
  15. Carla García, 2º BAC10/5/19, 13:37

    Paréceme interesante que o autor utilice elementos cómicos como unha ferramenta para tratar o tema da lingua. Penso que esta comicidade consegue ter aos lectores máis atentos e entretidos. En definitiva, gustoume a súa lectura.

    ResponderEliminar
  16. María Villamor, 2º BAC20/11/19, 20:55

    "Made in Galiza" é unha obra literaria escrita por Séchu Sande. Está composta por breves relatos onde fai unha reflexión sobre a situación da cultura en Galicia; sobre todo da lingua galega, xa que en moitas ocasións é discriminada por ser considerada lingua de atraso ou asociada á ignorancia.
    En consecuencia, o autor ridiculiza estas mentalidades con ton humorístico e irónico.
    Os relatos que máis me chamaron a atención foron: "Falar", posto que trata una situación moi común nos fogares galegos, e parece que ninguén se decata dela. Tamén me gustou "Eu fixen ouigha co espírito de Castelao", "Madrith"... entre outras.
    Este libro pareceume moi interesante, e non dubidaría en recomendalo.

    ResponderEliminar
  17. Lucía Rouco e Alba López, 2 bac26/11/19, 19:55

    "Made in Galiza" de Séchu Sende, está composto por máis de corenta relatos breves. Aínda que non existe unha continuidade teñen un tema en común: a lingua galega. Mediante a caracterización da realidade lingüísticaen animais, nenos... o autor preséntanos a situación actual do noso idioma ao falar dos castelanismos, da minorización lingüística, da disglosa, do uso da lingua materna... Consideramos que a finalidade pricipal do libro é facernos reflexionar sobre o noso idioma a través de historia ficticias que nos levan a identificarnos cos sentimentos dos protagonistas, o que fai máis atractiva a lectura.
    Causounos especial interese o uso da ironía, por parte de Séchu, para ridiculizar á xente que non fala galego e burlarse dos motivos que dan para non empregalo. Un dos relatos que máis nos concienciou deste problema lingüístico foi o "ladrón das palabras", xa que representa, en certo modo, o noso presente e percibímolo como un aviso de que, se deixamos de falar a nosa lingua por vergoña ou medo, acabaremos por perdela.
    O libro é unha chamada ao orgullo que deberiamos sentir ao ter un idioma propio tan fermoso coma o noso.

    ResponderEliminar
  18. Roi Martínez e Darío Rego, 2°BAC17/12/19, 19:20

    “Made in Galiza” é unha obra literaria escrita por Séchu Sende que, composta por máis de
    40 breves relatos que teñen como tema principal a lingua galega, reflicten a situación da
    nosa lingua en diferentes ambientes e contextos facendo moi amena a súa lectura.
    Neles, o escritor, trata temas como os prexuízos existentes en torno á lingua galega e aos
    seus falantes cunha comicidade e orixinalidade destacable que atraen aos lectores e fai
    unha reflexión dirixida especialmente cara ás novas xeracións de galegos, a quen considera
    imprescindibles para reverter e mellorar a situación actual do galego e reafirmar a súa
    identidade.
    Para iso válese de todo tipo de personaxes orixinais como letras, para referirse á
    introdución de castelanismos e á substitución de palabras autóctonas; un bebé, para tratar o
    tema da perda de transmisión xeracional … Tamén destaca o uso de ironía e situacións
    surrealistas como tratar a opinión que teñen os adolescentes sobre a lingua estando baixo
    os efectos das drogas, ou presentar un mundo no que a lingua esquecida e desprestixiada é
    o castelán na comunidade de Madrid.
    Unha lectura recomendada coa que pasar o tempo e á vez tomar conciencia sobre a
    situación e contexto social actual da nosa lingua.

    ResponderEliminar
  19. O libro Made in Galiza está composto por un conxunto de relatos con historias moi diversas entre si, pero que á vez presentan unha característica común: todos eles teñen unha relación directa coa situación lingüística e coa concepción social do galego na actualidade.
    Sechu Sende, autora desta obra, tenta advertirnos dos prexuízos existentes cara a nosa lingua e que provocan o seu rexeitamento e a súa progresiva substitución polo castelán. Ademais, ao longo desta, anima ao lector a mudar dita situación e comezar a utilizar o galego máis acotío.
    Trátase pois, dunha obra para reflexionar, a cal emprega a ironía e o humor para dotar aos relatos dun maior atractivo.

    ResponderEliminar
  20. Area Loureiro Villasante 2ºBAC A25/2/21, 17:08

    Un libro que esperta a conciencia do lector respecto ao uso da nosa lingua. Critica a perda progresiva do noso idioma e trata todo tipo de situacións relacionadas co galego, como o que dirán se empezas a falalo ou a incomprendida razón dos pais galegofalantes que non educan os seus fillos na súa lingua.
    Todos os contos son entretidos e móstranche cousas ou emocións distintas, igual que situacións da vida cotiá de moitas persoas. Débese reflexionar sobre este tema e, como di o propio autor, ser valentes e elixir como acompañante da nosa vida o galego, sentíndonos orgullosos del.

    ResponderEliminar
  21. Alicia Illán 2ºBAC A30/3/21, 13:54

    A verdade é que este libro gustoume bastante e pareceume bastante entretido e interesante. Aínda que hai algún relato que me costou entender un pouco máis, en xeral todos foron fáciles de ler e de interpretar o que o autor quería dicir: que a lingua se está perdendo.
    Paréceme moi orixinal esta forma de concienciar a todos os galegos da situación sociolingüística de Galicia. A través de distintas situacións, tanto irónicas coma realistas, queda patente a pouca coherencia que se ten ás veces respecto á lingua galega.
    Recomendaríalle este libro a calquera persoa da miña idade ou incluso máis pequena, pois paréceme que facilmente pode espertar a conciencia dos máis novos para que comecen a empregar a lingua.

    ResponderEliminar
  22. Jimena García 2ºBAC A18/4/21, 17:53

    Este libro gustoume moito en xeral pola visión que mostra de tódolos aspectos de Galicia. Tamén me fixo reflexionar sobre o uso do galego na nosa sociedade, en especial na xuventude. Aínda que eu era consciente de que o galego se está perdendo nas novas xeracións, agora sinto que teño que tomar parte neste asunto para que se siga empregando. O relato que máis me gustou foi "Estou contigo", xa que aínda que ao principio parece unha historia de amor entre dúas persoas, resulta ser unha declaración de amor pola propia lingua. Recomendaría este libro a calquera que queira ler un libro doado.

    ResponderEliminar
  23. Aroa Fernández 2ª BAC A26/4/21, 22:21

    Made in Galiza é un libro de relotos moi orixinais sobre Galicia, a súa xente e a súa lingua.O tema máis importante é a defensa do noso idioma que se reflicte xa dende o primeiro relato "Falar", no que nunha pequena explica a súa confusión sobre a lingua que empezar a falar xa que a súa familia fala galego pero a ela fálanlle en castelán, algo que nos ultimos anos está a acontecer demasiado. O máis interesante é a particular forma de plasmar a realidade galega dun modo claro e divertido con situacións irreais como en "Madrith" no que mostra algo impesensable, a perdida do castelán en Madrid facendo unha clara referencia ao que acontence en Galicia.
    O relato que máis me gustou foi " Nun lugar sem palavras" trata dunha aldea ao que lle prohiben falar o seu idioma e deciden que enton non van falar polo que se comunican mediante sons.
    O libro gústame máis do que pensaba, lelo fíxome reflexionar sobre a miña a relación coa lingua materna. A primeira lingua que falei foi o galego, mais o empezar o colexio deixei de utilizalo xa que todos falaban en castelán e non foi ata que empecei a entender a importancia que ten a lingua na miña identidade coma galega cando volvin a empregala, pero aínda non a falo en todos os ámbitos. Por isto ao igual ca min seguro que moitos se senten identificados con relatos do libro e meditan utilizar máis o galego.

    ResponderEliminar
  24. Andrea Isabel Castro Castillo. 2 Bach "B".22/3/22, 21:48

    Made in Galiza é un libro de 40 relatos que teñen en común a realidade á que se enfronta a lingua galega; os prexuízos, a desvalorización e a súa discriminación. Os relatos que máis me gustaron son: "Falar", no que unha bebé explica a súa confusión ao escoitar os seus pais falar diferente entre eles que con ela, sen entender que os pais pensan que a nena, ao pertencer a unha nova xeración, debe falar en castelán antes que en galego. "Nin en soños vou perder a miña lingua" é un relato no que unha nena escoita na radio sobre a situación á que se enfrontan os nenos e a súa perda da lingua; ela pensa que realmente os nenos están a perder a lingua, nun sentido literal, aínda que se refiren ao galego e a nai dille que a solución é falar moito para así non perder a lingua. No penúltimo relato, "Paracaídas" cóntase a historia dunha avoa que non é capaz de explicar por que a súa familia fala diferente que ela se ela sempre ten falada da mesma forma xa que eles falan en castelán e ela en galego.

    ResponderEliminar