13 may 2018

A asasina

Alexandros Papadiamandis
Unha pequena illa grega, Skiathos, e unha muller de sesenta anos, Khadula, son os dous piares sobre os que Alexandros Papadiamandis asenta a súa desconcertante novela A asasina, unha obra publicada orixinalmente en 1903 que a día de hoxe é considerada de forma unánime pola crítica unha obra mestra das letras gregas. A novela móstranos unha sociedade pobre, ensumida na penuria, sen esperanzas de ningún tipo, que habita un medio natural hostil, aínda que dunha beleza abraiante, onde, ao igual que na traxedia grega, o asasinato pode chegar a contemplarse como saída inevitable.
Esta é, antes que nada, unha novela psicolóxica maxistralmente articulada, que foxe de axuizamentos e afonda na angustia do ser humano ante circunstancias extremas da vida. Trátase, en síntese, dunha obra magna da literatura grega contemporánea que logra conmover e sorprender. Máis dun cento de anos despois de ser escrita, A asasina non perdeu un ápice de vixencia.

3 comentarios:

  1. Jonathan Vázquez Lamas21/11/19, 16:24

    "A asasina" paréceme un libro moi doado de ler,e que amosa cun fascinante realismo como era a vida na antiga Grecia. Recoñezo que ao principio esta obra pódese facer un pouco pesada de ler posto que só narra recordos, moitas veces inconexos, da protagonista, pero no momento no que pasa á acción resulta increiblemente adictivo.
    Opino que as accións de Khadula por unha parte están xustificadas, pois ela sabe o que realmente supón ser muller neses tempos. Ademais, moitas veces facíao por axudar a unhas terceiras persoas, aínda que dende unha perspectiva máis humanista, o fin non xustifica os medios, e un asesinato é algo indefendible.
    Realmente, recoméndollo ler a aquelas persoas que se sintan feministas (posto que a muller e a súa infravaloración son un dos temas principais) e sintan curiosidade pola sociedade grega da época.

    ResponderEliminar
  2. Andrea Isabel Castro Castillo. 2 bacharelato "B".

    A asasina é un libro que reflicte moi ben a realidade que vivían as mulleres no século XIX, nunha situación de escravitude. É por iso que a protagonista, Khadula, se debate entre se a súa decisión de afogar as nenas é correcta ou non, mais no proceso continúa asasinando. Unha das nenas que morreu afogada, non fora tirada á auga por Khadula, pero ela estivera presente nese momento, facéndoa tan culpable desta norte coma das outras.
    Chamoume a atención o feito de que Khadula fose unha curandera coñecida pola xente da illa e que nunca tivera problema en sandar e axudar os seus veciños. Ela salvaba vidas, pero mataba, considerando unha “axuda” para os pais que as nenas morreran xa que as mulleres daquela non tiñan ningún futuro.

    ResponderEliminar
  3. Pablo Couso Varela 2 BAC B

    Coas illas gregas de fondo, tan fermosas como pobres, Papadiamantis conseguíu sorprender e conmover a xeracións de lectores de todo o mundo con esta angustiosa historia: unha hábil curandeira, viúva e nai experta en todo tipo de artes e trucos curativos.Decide librar a varias familias das súas fillas pequenas ou recén nacidas, porque estas, segundo ela mesma, só serán un fardo no medio de tanta miseria.
    Chamoume especialmente a atención a contraposición entre o oficio da protagonista que tendo os coñecementos para curar mata.

    ResponderEliminar