Pepa A Loba, a muller por antonomasia do bandoleirismo galego, ten por
fin a súa novela de raigame histórica, xurdida dos propios alicerces
desta afouta e rebelde capitá de gavela, que acadou sona no século XIX
por máis de media Galicia. A súa memoria medrou imparablemente nunha
lendahistoria forxada polo pobo galego dende entón, para ofrecer, ao
cabo, a imaxe libre e inapreixable que hoxe temos dela. Unha muller
indómita e combativa, malia as duras adversidades que sufriu. Carlos G.
Reigosa atina cun relato directo e punxente que trenza unha intensa
historia de amor sobre un fondo de violencia que emparenta co das
Comedias Bárbaras e Divinas Palabras de Valle-Inclán, fillas do mesmo
territorio e do mesmo espírito do tempo. Unha novela memorable de
lectura engaiolante que, por riba da lenda, nos reconcilia coa
verdadeira historia da máis famosa bandoleira galega de todos os tempos.
A verdade é que o libro gustoume moito, de principio a fin; esa bravura de Pepa, a tráxica e dura historia da súa vida, o modo de narrar a historia, esa atmosfera de realidade e fantasía... un queda co misterio de se a lenda será verdade, se Pepa existiu e estivo nos nosos montes, co seu particular método de facer xustiza: a Robin Hood galega.
ResponderEliminar"Pepa a Loba" é unha novela que narra a historia da bandoleira máis destacada da historia de Galicia.
ResponderEliminarConta a vida dunha gran muller que, malia as duras adversidades que sufriu, sempre loitou polo ben dos seus.
Este libro, a través de Pepa, amosa a realidade da Galicia de mediados do século XIX. Mostra as paisaxes do norte de Pontevedra, onde nacera Pepa e ás que quería tanto. Tamén mostra a situación dos máis pobres fronte aos donos das terras e a Igrexa, que lle roubaban o pouco que tiñan. Ao longo da súa intensa vida vai encontrándose a xente moi boa que a axuda, o seu tío Tomás, a súa compañeira de cela Carme, e Daniel, o máximo apoio na súa vida.
Pepa a Loba, agora convertida en lenda pola súa sona e poderío, é un modelo a seguir para moitas mulleres. Loitadora e defensora das súas ideas, amante da súa terra e con ansias de liberdade, así era ela, unha muller á que o seu pobo pouco recoñece.
A súa historia é digna de ser contada nas salas de cine. Que sorte ter unha personaxe feminina así no noso país!